Nesta sesión de RobotiCRA, o alumnado traballou cunha proposta tecnolóxica moi interesante: o Osmo Tangram. Neste xogo, colocan as pezas físicas do tangram diante do iPad, e a pantalla amosa a figura que deben reproducir. O máis útil desta ferramenta é que o sistema recoñece en tempo real as pezas colocadas, indicando cales están ben, cales faltan e ofrecendo pistas visuais para axudar a colocalas ou xiralas cando é necesario. Deste xeito, o alumnado recibe unha retroalimentación inmediata que lle axuda a aprender mentres xoga.
Ademais, o tangram de Osmo permite escoller entre diferentes niveis de dificultade, o que facilita que cada neno e nena poida avanzar ao seu ritmo e sentirse capaz de superar novos retos.
Mentres unha parte do grupo resolvía as propostas dixitais, o resto do alumnado dedicouse á construción libre co material Korbo, creando estruturas e mecanismos con engrenaxes que se moven e xiran, fomentando así a súa creatividade e pensamento espacial.
Foi unha sesión moi completa, na que combinamos a tecnoloxía e o xogo manipulativo, adaptando as propostas ás idades e intereses do alumnado.







No hay comentarios:
Publicar un comentario