Nesta sesión de RobotiCRA, celebramos o Samaín dunha maneira moi especial: con robots! Utilizamos os robots EARL para propoñer unha actividade chea de misterio.
Antes de comezar co xogo principal, o alumnado tivo un tempo de manipulación libre para explorar os movementos dos robots: como avanzar, xirar, retroceder… Desta forma, puideron comprender mellor como funcionan e gañar confianza antes de poñerse en acción.
Logo chegou o reto: os nenos e nenas tiñan que programar o robot EARL para desprazarse por casillas de diferentes cores. Cada vez que chegaban á cor indicada, collían un tarriño misterioso, e ao iluminálo coa lanterna aparecía dentro un elemento do Samaín (cabazas, morcegos…). O obxectivo era atopar ese mesmo debuxo noutro cesto e colocálo no panel correspondente asociado á cor do tarriño, ata descubrir todas as imaxes ocultas.
Nesta sesión tamén tiveron moito protagonismo os maiores, que xa controlan perfectamente os robots e axudaron aos máis pequenos a guiar os seus movementos, demostrando unha vez máis a súa autonomía e capacidade de colaboración.
Foi unha proposta moi motivadora, na que mesturamos o xogo simbólico, a tecnoloxía e o espírito do Samaín, fomentando o traballo en equipo e a aprendizaxe compartida.



No hay comentarios:
Publicar un comentario